A Represión na provincia de Ourense

Metodoloxía e Fontes: Os expedientes de responsabilidades civís e políticas

Ourense é, das catro provincias galegas, a que atesoura un fondo documental máis rico para o estudo da represión económica. Dez caixas, que conteñen os expedientes procedentes da Comisión Provincial de Incautación de Bens (CPIB) fallados pola autoridade militar da División Orgánica e executados antes da entrada en vigor da Lei de Responsabilidades Políticas (LRP) en febreiro de 1939, áchanse no Arquivo Intermedio Militar Noroeste (AIMN).

Outras trinta foron no seu día trasladadas ao AHPOU procedentes dos arquivos da Audiencia Provincial, pero nestes repousaban aínda, pendente dun traslado que aínda non se concretara cando se realizou esta investigación, algúns expedientes illados e outra documentación dispersa de gran interese. Entre esta última cabe mencionar os libros rexistro de expedientes resoltos e en tramitación, diversos antecedentes remitidos por diferentes autoridades que foron utilizados para incoar expedientes, listaxes de afiliados e directivas de sociedades e partidos políticos afectos á fronte Popular, o libro de actas da CPIB, etc. Os expedientes fallados polo Tribunal Nacional de Responsabilidades Políticas (TNRP), ben por ser recorridos polos expedientados ben porque este tramitase os expedientes de indulto que proliferaron a partir dos anos cincuenta, atópanse almacenados no Centro Documental da Memoria Histórica (CDMH) de Salamanca. E tamén, algúns sumarios incoados pola xurisdición de guerra conteñen testemuños de sentenzas de expedientados dos que non se coñecía este dato polas fontes antes mencionadas. Aínda así, a porcentaxe de rexistros dos que se descoñece a sentenza é moi elevado, aínda que é verdade que a inmensa maioría deles finalizaron co sobresemento das actuacións ao ser fallados con posterioridade ao 7 de marzo de 1942, data na que foi publicada a Lei do 19 de febreiro dese mesmo ano sobre reforma da LRP. Se a isto engadimos que é a única que conta cun exhaustivo baleirado dos sumarios militares e da documentación carceraria ata 1945 —coas posibilidades que isto ofrece á hora de cruzar datos— comprenderase con facilidade que a nosa provincia é a que conta cos estudos máis exhaustivos dos realizados ata o momento en Galicia.