A Represión na provincia de Ourense

Metodoloxía e Fontes: Rexistros Civis

Os Rexistros Civís presentan, así mesmo, unha problemática específica derivada da normativa vixente no período que nos ocupa. A este respecto é preciso ter en conta o disposto polo Decreto nº 67 de 11 de novembro de 1936, ditado coa teórica finalidade de facilitar a inscrición de mortes, desaparicións e ausencias, que prescribía que“La inscripción de fallecimiento o la desaparición de personas (...) se verificará en el Registro Civil del último domicilio, y si éste no constase en el de naturaleza del individuo de que se trate”. Esta disposición foi sistematicamente incumprida polos xuíces competentes, pois a inmensa maioría dos homes e mulleres asasinados nun termo municipal diferente do da súa veciñanza só figuran inscritos no lugar de defunción.

Outra das meirandes taras desta fonte procede dun precepto legal contido na “Ley Provisional del Registro Civil” (LPRC) de 17 de xuño de 1870 orixinariamente pensado para a protección do dereito ao honor e á intimidade das persoas e dos seus familiares: concretamente o seu artigo 86 prescribía que “cuando la muerte hubiere sido violenta, o hubiere ocurrido en la cárcel, establecimiento penal, o por efecto de ejecución capital, no se hará mención en la partida correspondiente del Registro Civil de ninguna de estas circunstancias”.

Os meirandes problemas atopámolos cando do que se trata é de cuantificar a represión paralegal, é dicir, os tristemente famosos paseos, sacas e asasinatos disfrazados de lei de fugas. En primeiro lugar, pola súa propia extensión espacial: mentres os fusilamentos que se producían como resultado dunha condena en consello de guerra se executaban materialmente en lugares correspondentes ao termo municipal de Ourense, os paseados presentan unha dispersión máis que notable que mesmo supera o marco provincial. Ademais, en moitos supostos a verdadeira causa da morte aparece disfrazada baixo os máis insospeitados epígrafes, como «shock traumático», «parada cardiorespiratoria», «derrame cerebral», «hemorragia cerebral», «aplastamiento craneal», «arterioesclerosis» e, por suposto, as consabidas «hemorragia interna» e «hemorragia externa». Naturalmente isto introduce un evidente factor de distorsión, pois cómpre admitir que un certo número de paseados poden non ter sido contabilizados por non existiren elementos de xuízo na partida de defunción que, combinados coa causa de morte, poidan facer sospeitar que estamos diante dunha execución e non dunha morte natural. A sensu contrario, nos libros de defunción podemos atopar toda unha serie de anotacións indiciarias que nos poñan sobre a pista dun posible represaliado cando, en realidade, non se trate de tal.

Finalmente, resulta evidente que nos libros de defunción dos Rexistros non constan, sexan ou non disfrazados, todos os asasinados durante aqueles anos, pois nalgúns casos non se cumpriu a normativa vixente polas máis diversas razóns (o cadáver non foi achado, as autoridades non amosaron interese por ordenar a inscrición, o medo dos familiares...).