A Represión na provincia de Ourense

Proxecto

Represaliados ourensáns (1936-1945)

Durante os anos noventa do pasado século XX gran parte dos denominados «netos da guerra» alcanzaron a súa «maioría de idade social». Moitos pertencían a unha xeración moito menos marcada polas consecuencias traumáticas da guerra civil e menos comprensiva co mantemento das políticas de fomento dunha «memoria adecuada» coas que creceran e maduraran. Ambos os dous elementos foron determinantes para que, de xeito individual ou a través das diferentes asociacións para a recuperación da chamada «memoria histórica», se implicasen máis activamente na procura dunha serie de respostas, particularmente na indagación da traxectoria vital dos seus devanceiros.

Paralelamente, a apertura de diferentes arquivos, ata entón vedados aos profesionais da Historia, facilitou que investigadores mozos se implicasen na reconstrución dunha parte do noso pasado, tantas veces silenciado e agochado, como parte da súa propia traxectoria profesional. O grupo de investigación de Historia Contemporánea (HC1) da Facultade de Historia de Ourense, o Obradoiro de Historia de Galicia e a Asociación Cultural Inesprogal, foron pioneiros dentro de Galicia na apertura desas novas liñas de investigación baseadas na sistemática exploración e utilización das fontes militares, policiais e carcerarias, imprescindibles para o estudo científico do que foi a represión franquista na provincia de Ourense.

Mais todo este coñecemento non sempre consegue transcender o ámbito académico nin se transmite axeitadamente á sociedade. As continuas demandas de información por parte de familiares de represaliados que reciben as institucións e os membros do grupo investigador son boa proba disto. A constatación da existencia desta demanda social foi o que levou á Deputación Provincial de Ourense a interesarse, xa en 2005, polas posibilidades de poñer á disposición da sociedade un servizo de identificación, localización e análise dos fondos documentais existentes sobre a represión na nosa provincia en forma dunha base de datos de fácil consulta a través da rede.

Un ano máis tarde o proxecto comezou a andar. Culminada a súa primeira fase deseñouse un sistema de catro bases de datos fundamentais cruzadas entre si para proporcionar, de xeito accesible e intuitivo, a meirande cantidade posible de información sobre unha persoa determinada. Na primeira inclúense o nome e apelidos, a procedencia e o delito ou delitos de todos os encausados e procesados polos tribunais de guerra na provincia de Ourense entre 1936 e 1945, así como o seguimento do proceso ata a súa resolución. Na segunda, o nome e apelidos de todos os detidos na provincia de Ourense postos a disposición das autoridades gobernativas e militares non sometidos a proceso polos tribunais de guerra, procedencia e domicilio e delito ou delitos imputados. Finalmente, outras dúas bases de datos rexistran os executados en cumprimento dunha sentenza de consello de guerra e os asasinados extranormativamente ata onde o estado actual das fontes permita chegar.

En 2017, a Deputación Provincial de Ourense propuxo a ampliación do proxecto nunha dobre dirección. En primeiro termo, trataríase de avanzar na análise do complexo represivo franquista ampliando o seu coñecemento máis aló das diferentes modalidades de represión física, profundando, en concreto, na represión económica derivada da aplicación da normativa de responsabilidades civís e políticas. En segundo lugar, trataríase de visibilizar dun xeito singular a represión padecida en todos os niveis polos cargos locais (alcaldes, concelleiros e deputados provinciais) que destacaron polo seu compromiso político e institucional coa súa provincia durante a etapa republicana, o que tamén constitúe unha forma de recuperar a historia daquelas corporacións e do seu papel na dinamización da vida política, social e cultural da provincia.

A evidente unidade de ambos proxectos, separados por máis dunha década, aconsellaba manter a mesma estrutura de consulta, engadindo novas bases de datos que permitan visibilizar a represión económica e o papel dos represaliados nas devanditas corporacións locais. Así, entendemos que podemos avanzar de xeito significativo no que é o obxectivo final do proxecto: que todas aquelas persoas interesadas podan ter acceso á información dispoñible sobre os represaliados na provincia de Ourense e estean en condicións, se o desexan, de poder acceder persoalmente á documentación existente nos arquivos públicos.

Daquela, nunha primeira fase, ao longo do ano 2018, procedeuse ao deseño e envorcado nunha nova base de datos das listaxes de ourensáns encartados pola Comisión Provincial de Incautación de Bens ao abeiro da normativa de responsabilidades civís, así como dos expedientados pola xurisdición especial de Responsabilidades Políticas. Nunha segunda fase abordaranse as diferentes modalidades represivas sobre os xestores do poder local e provincial na etapa republicana.

.