A Represión na provincia de Ourense

Metodoloxía e Fontes: Procesos Incoados pola Xurisdición de Guerra

Os procesos incoados pola xurisdición de guerra correspondentes á provincia de Ourense atópanse depositados na actualidade no Arquivo Intermedio Militar Noroeste, con sede en Ferrol. O acceso a estes fondos é público, polo que calquera persoa pode dirixirse aos seus responsables para ampliar a información recompilada na base de datos homónima facilitando o número de causa, dilixencia ou expediente polo que estea interesado.

Nas listaxes figuran todos os encausados e procesados pola xurisdición de guerra na provincia de Ourense entre 1936 e 1945, o que non significa que todos os ourensáns que compareceron diante desta xurisdición estean incluídos na base de datos. Loxicamente non aparecen os que foron encartados noutras provincias e mesmo rexións militares e, pola contra, si están recollidos os naturais e/ou veciños doutras zonas que foron xulgados en Ourense. Tampouco se inclúen no estudio aquelas causas, dilixencias, informacións ou procedementos previos relacionados con cuestións de índole puramente administrativo (substitución de material de guerra, perda de armamento...) e tampouco as que se abren como resultado da explosión fortuíta de bombas ou explosivos.

Esta fonte, o mesmo que calquera outra desta ou parecida natureza, pode conter erros e/ou omisións e lagoas de diversa natureza en aspectos como a identificación, o domicilio, a profesión, o estado civil, etc. das vítimas. A este respecto cómpre advertir que para o criterio de veciñanza e de profesión optouse por facer constar a que resultaba determinante para a incoación de dilixencias: por exemplo, un traballador do ferrocarril no tramo de Vilar de Barrio, que participou na resistencia ao golpe e foi encartado por isto, aparecerá domiciliado nesta localidade e non na súa de veciñanza. Cando foi posible corrixíronse e completáronse mediante o cruce con outras fontes, especialmente no período comprendido entre 1936 e 1939 pola meirande riqueza documental dispoñible. Aínda así, o labor de depuración das listaxes é un proceso inacabado e en permanente actualización.

Un proceso de carácter castrense podía incoarse por múltiples vías: atestado de calquera forza de seguridade, parte dun soldado ou oficial, denuncia de particulares, inhibición dunha instancia xudicial ordinaria, orde directa do gobernador militar, etc. Calquera que fose a causa do seu inicio, inmediatamente se puña en marcha un proceso inquisitorial no que as máis variadas instancias (gardas civís, policías, párrocos, alcaldes, delegados gobernativos, responsables dos rexistros, veciños, inculpados, etc.) van a deixar constancia da súa particular interpretación da actuación anterior, coetánea e/ou posterior á sublevación do encartado mediante os máis diversos instrumentos probatorios (declaracións, testemuños, informes de conduta e antecedentes penais, certificados, documentos administrativos, artigos de xornais, etc.) que se incorporan á peza sumarial ata que o período de instrución se considera concluso.

Corresponde ao xuíz instrutor decretar ou non o procesamento do encartado logo do oportuno resumo do actuado e, en consecuencia, acordar ou non a prisión incondicional –en caso negativo pasaba a disposición do gobernador civil como detido gobernativo– para, seguidamente, dar conta da situación do detido ao director da prisión na que se atope, elevar os autos ao auditor militar; este é quen decide, se o estima necesario, a práctica de novas dilixencias, o sobresemento e arquivo ou a elevación dos autos a consello de guerra, previo detallado resumo no que constan todas as dilixencias realizadas. Mediante unha providencia do consello de guerra procédese seguidamente ao nomeamento dun fiscal ao que se envía o sumario; seguidamente, este remite un escrito co seu parecer sobre o caso, podendo solicitar, se o considera oportuno, a práctica de novas probas. A continuación repítese este procedemento co defensor, correspondendo a aquel decidir ou non a práctica de novas probas; en caso afirmativo redáctase un novo auto para que o xuíz instrutor proceda a reunilas. Redactadas polo fiscal as súas conclusións provisorias –que poden ser contestadas ou no pola defensa antes do acto do consello– e culminadas as dilixencias descritas, procede a fixación de data e lugar para a celebración do consello de guerra así como a facer pública a composición do tribunal encargado de ditar sentenza.

O consello de guerra comeza coa lectura do auto-resumo, despois da cal o presidente invita a defensor, fiscal e vogais a preguntar ao procesado ou procesados o que estimen oportuno; seguidamente fiscal e defensor expoñen a súa visión dos feitos e solicitan a imposición dunha pena ou a absolución, dando paso á declaración final do acusado. Por último, o tribunal reúnese en sesión secreta para deliberar e ditar sentenza. O texto desta última principia cun encabezamento (lugar, data, tribunal, filiación do acusado...) que dá paso ao primeiro (antecedentes do acusado e feitos dos que se lle acusa) e seguintes resultandos e considerandos nos que se fixa o delito e, finalmente, se detalla a condena. Notificada a sentenza a fiscal, defensor e procesado, elévanse os autos ao auditor.

O auditor de guerra debía emitir informe razoado confirmando ou disentindo da decisión do tribunal, documento que era elevado ao xeneral xefe da División Orgánica –posteriormente convertida en Rexión Militar– quen, pola súa banda, podía coincidir ou non co ditame do seu auditor. En caso de discrepancia de fondo sobre algúns dos elementos esenciais do proceso que non puidese ser resolta de oficio –por exemplo, un erro material de cálculo da pena– por parte do auditor e/ou do responsable da División Orgánica, os autos eran elevados ao Alto Tribunal de Xustiza Militar de Valladolid, que era quen casaba definitivamente a sentenza.

No caso de que o reo fose condenado a morte, primeiro a Xunta de Defensa Nacional e, a partir de outubro de 1936, a Asesoría Xurídica do Xeneralísimo debía remitir o preceptivo «enterado» como paso previo á execución, ou comunicar a conmutación da pena capital pola inferior en grao, invariablemente a de trinta anos de prisión maior. Se a pena capital non era conmutada, o gobernador militar practicaba unha nova dilixencia na que constaban lugar, data e hora do fusilamento e como se debía formar o pelotón; unha providencia comunicaba a aquel que se cumpriran as súas ordes. Finalmente, inscribíase a defunción no Rexistro Civil.