A Represión na provincia de Ourense

Metodoloxía e Fontes: Libros de Rexistro de  Prisións de Ourense

Os procesos militares permiten elaborar listaxes absolutamente fieis do que foron as vítimas da represión sometidas a consello de guerra e moi aproximada do que foron os fusilamentos sen formación de causa na provincia (o cento por cento na capital). Porén, quedan fora varios milleiros de persoas encadeadas e non sometidas a proceso, algunha das cales permaneceron máis tempo en prisión que os condenados por sentenza firme. Para cubrir esta lagoa contamos cunha fonte seriada de gran importancia: os libros-rexistro de reclusos da prisión ourensá, nos que quedaba constancia de todos os ingresos que se producían na prisión provincial. Na actualidade atópanse depositados no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e son tamén de libre acceso aos cidadáns para o período que abrangue o proxecto.

Esta fonte presenta unha problemática específica relacionada coa natureza do delito que determina a detención. Durante a etapa republicana, ademais dos datos persoais e da autoridade que ordena a detención, consta nunha porcentaxe significativa dos casos a natureza do delito que a motiva o que, axeitadamente tratado, permite distinguir entre presos por cuestións de carácter político e delincuentes comúns. Pola contra, para o período que segue á declaración do estado de guerra, non queda máis remedio que acudir ao criterio da autoridade que ordena a detención cando non dispoñemos do expediente persoal ou de anotacións concretas na ficha de filiación do recluso, o que multiplica o risco de cometer erros á hora de establecer a natureza do delito, o mesmo cando se trata de incluír como «políticos» a delincuentes común que á inversa. De calquera xeito, o feito de que gran parte das condutas delituosas quedasen reservadas á competencia das autoridades militares polas normas represivas dos sublevados obriga a considerar, en coherencia con esa lexislación, como de natureza política ou político-social condutas que en situación de normalidade constitucional serían constitutivas dun delito común. Así, por exemplo, o uso de armas como medio intimidatorio nun roubo caía dentro do ámbito xurisdicional castrense, e aínda que os seus móbiles fosen exclusivamente económicos o seu tratamento procesual e penolóxico dábanlle unha transcendencia diferente como ben reflicten as fontes cando explicitan a autoridade á disposición da cal queda o preso.

Porén, non dispoñemos da mesma fonte para o resto dos depósitos municipais, para os cárceres de partido nin para os edificios habilitados como prisión durante a etapa franquista. Por tanto, cómpre asumir que os municipios que non forman parte do partido xudicial de Ourense se verán lixeiramente subrepresentados, xa que cando o encadeamento se producía por condutas delituosas leves que non requirían o traslado do reo á capital provincial para a substanciación do proceso non sempre imos ter noticia dos presos en cuestión. A cuestión é especialmente problemática a partir de xullo de 1936, cando estes edificios están a rebordar e cómpre acudir a edificios como o convento de Celanova, Oseira, etc. para albergar aos detidos.

Moi relacionado con isto último está a fiabilidade desta fonte para determinar a data de detención dunha persoa. Con relativa frecuencia observarase unha discrepancia entre a data de detención que figura nos procesos militares e a que aparece nos libros-rexistro da Prisión Provincial, especialmente no caso de suxeitos residentes en concellos afastados da capital. Isto é debido a que estes últimos adoitaban ser ingresados en depósitos municipais e cárceres de partido xudicial antes do seu traslado á provincial; cando a causa militar permite determinar a data real de detención, esta será a que figure na base de datos correspondente, respectando, como é lóxico, a data de entrada no centro penitenciario provincial.